Crecemento celular

División celular, crecemento e proliferación

O crecemento celular é o incremento da masa total dunha célula, incluíndo tanto o volume do citoplasma, coma do núcleo e os orgánulos.[1] O crecemento celular ocorre cando a taxa global de biosíntese (produción de biomoléculas ou anabolismo) é maior que a taxa global de degradación celular (a destrución de biomoléculas por medio do proteosoma, lisosoma ou autofaxia, ou catabolismo).[2][3][4]

O crecemento celular non se debe confundir coa división celular ou o ciclo celular, que son procesos distintos que poden ocorrer xunto co crecemento celular durante o proceso da proliferación celular, no cal a célula, chamada célula proxenitora, crece e divídese para producir dúas células fillas.[1] Porén, o crecemento celular e a división celular poden tamén ocorrer independentemente un da outra. Durante as fases iniciais do desenvolvemento embrionario (segmentación do cigoto para formar a mórula e o blastoderma), as divisións celulares ocorren repetidamente sen que haxa crecemento celular. Inversamente, algunhas células poden crecer sen división celular ou sen ningún avance no ciclo celular, como no crecemento das neuronas durante o crecemento axonal no desenvolvemento do sistema nervioso.

División celular sen crecemento celular durante a segmentación embrional.

En organismos multicelulares o crecemento de tecidos raramente ocorre unicamente por crecemento celular sen división celular, senón que o máis habitual é que o faga por medio de proliferación celular.[1] Isto débese a que unha soa célula cunha soa copia do xenoma no núcleo celular pode realizar a biosíntese e así experimentar un crecemento celular a só a metade da velocidade coa que o farían dúas células. Por tanto, dúas células crecen (acumulan masa) ao dobre de velocidade que unha soa célula, e catro células ao cuádruplo. Este principio orixina un incremento exponencial da taxa de crecemento dos tecidos (acumulación de masa) durante a proliferación celular, debido ao aumento exponencial do número de células.

O tamaño celular depende tanto do crecemento celular coma da división celular, e un aumento desproporcionado da taxa de crecemento celular conduce á produción de células máis grandes e un incremento desproporcionado na taxa de división celular leva á produción de moitas células máis pequenas. A proliferación celular implica tipicamente un balance nas taxas de crecemento celular e división celular que mantén un tamaño celular aproximadamente constante nas poboacións de células que crecen exponencialmente.

Algunhas células especiais poden crecer ata tamaños moi grandes por un ciclo celular pouco común de endorreplicación, no cal o xenoma se replica durante a fase S, pero isto non vai seguido dunha mitose (fase M) ou división celular (citocinese). Estas grandes células endorreplicantes teñen moitas copias do xenoma, polo que teñen un alto grao de poliploidía.

Os ovocitos poden ser células especialmente grandes en especies nas cales o desenvolvemento embrionairo ten lugar fóra do corpo materno dentro dun ovo que se pon no exterior. O gran tamaño dalgúns ovos pode alcanzarse bombeando compoñentes citosólicos das células veciñas a través de pontes citoplasmáticas chamadas canles en anel (como en Drosophila) ou por internalización de gránulos de almacenamento de nutrientes (gránulos da xema) por endocitose (como en ras).

  1. 1,0 1,1 1,2 Conlon, Ian; Raff, Martin (1999). "Size Control in Animal Development". Cell 96 (2): 235–244. ISSN 0092-8674. PMID 9988218. doi:10.1016/S0092-8674(00)80563-2. 
  2. Grewal, Savraj S; Edgar, Bruce A (2003). "Controlling cell division in yeast and animals: does size matter?". Journal of Biology 2 (1): 5. ISSN 1475-4924. PMC 156596. PMID 12733996. doi:10.1186/1475-4924-2-5. 
  3. Neufeld, Thomas P; de la Cruz, Aida Flor A; Johnston, Laura A; Edgar, Bruce A (1998). "Coordination of Growth and Cell Division in the Drosophila Wing". Cell 93 (7): 1183–1193. ISSN 0092-8674. PMID 9657151. doi:10.1016/S0092-8674(00)81462-2. 
  4. Thompson, Barry J. (2010). "Developmental control of cell growth and division in Drosophila". Current Opinion in Cell Biology 22 (6): 788–794. PMID 20833011. doi:10.1016/j.ceb.2010.08.018. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search